lunes, 2 de enero de 2012

UNHA NOVA EDICIÓN DO NOSO BOLETÍN

Coincidindo cos últimos días do 2011 elaborouse e repartiuse entre tod@s os soci@s e veciñ@s de Pereiras unha nova fornada do noso anuario informativo.

12 páxinas repartidas en diferentes seccións que inclúen:

* Actos e actividades realizadas.
* Cursos e formación impartida.
* A asociación co deporte.
* Entrevista con Manuel Táboas, representante da Coral.
* As novas tecnoloxías na Nosa Terra.
* Entrevista con Orindo Táboas, presidente da Avv.
* Reivindicacións das necesidades de Pereiras.
* Datos sobre os nosos asociados.
* Novas iniciativas a implantar no 2012.

Boa lectura!
Pídeo se inda non o tes:


jueves, 29 de diciembre de 2011

FIN DE ANO NA CASA!!

A asociación Nosa Terra celebra a entrada do novo ano na súa casa, o Centro Social e Cultural “Os Castros”.

Dende a unha da mañán contaremos coa música do DJ JUAN JOOMAS. Música de calidade e tamén de festa, pra cantar e pra bailar; Give me everything, Ai se eu te pego, Una vaina loca ... todas soaran na nosa festa, pero tamén merengues, cumbias, rancheras, pasodobles e por suposto ... a muiñeira de chantada.

Haberá cotillón, sidra, chocolate con churros... todo de balde, e festa ata que non queden folgos.

Bo cambio de ano e moi feliz , próspero e bisesto 2012.

NOVE DÍAS E MEDIO

Moitos foron os que na primeira semana de decembro se deixaron seducir pola oferta cultural da nosa programación Terra de Cultura.



9 días consecutivos de acontecementos que comezaron coa charla de cómo tratar a pel no inverno por Asunción Sío e Charo Rodríguez, e remataron co sorprendente teatro Malasombra e a súa obra "Go On" sobre o descubrimento por parte duns Yankis das costumes e a idiosincrasia galega.


Unha semana despois os socios e socias reunímonos para desexarnos boas festas, contemplar os actos do ano mediante unha proxección de fotografías e recibir os premios sorteados con especial sorte para Alberto Rodríguez que se levou a cesta de nadal. Bo proveito.


Fotografías e vídeos pasaron polo ciclo Lembranzas de Pereiras. Caras de sorpresa, carcajadas a eito e agudos comentarios acompañaron as imaxes de pasados anos do teatro, play back, baile, e tamén da coral, que xa en vivo e en directo volveu deleitarnos nun novo certame conxuntamente con Atlántida de Matamá.

Representáronse así mesmo diversas obras de teatro a distintos niveis e estilos, que gustaron máis ou menos dependendo dos gustos e expectativas dos presentes.

Os grupos Arandeiras e Chavellos, de recente creación e con gran presenza local recibiron moi boas críticas do público, inda que máis pola música que polos nomes escollidos, e o grupo de acordeóns de Valadares volveu demostrar a súa calidade melódica.


Sorprenderon tamén as bailarinas de Galicia en Danza co seu ritmo e coreografiada mobilidade que animou a algúns a pedir a formación dun grupo de danza local.

Os máis pequenos tamén gozaron desta semana co concurso de debuxos, o obradoiro de títeres e as películas infantís proxectadas.
Pereiras tamén se moveu, a pé e en bicicleta, polas estradas e polos camiños. Socios e veciños acudiron á proposta de rutas e competicións, e os muiños da localidade recibiron en tan só un día máis miradas e expectación que en varios anos.


Todo isto e moito máis aconteceu no noso local e nos seus arredores.
E volverá acontecer.
Non o perdas.

lunes, 28 de noviembre de 2011

TERRA DE CULTURA

A asociación Nosa Terra xa ten perfilada unha das súa principais programacións durante o ano. Ao longo de máis dunha semana poderemos gozar de diferentes actos para presenciar e moitas actividades nas que participar.

Non te perdas o noso ciclo LP (Lembranzas de Pereiras) , no que, a través de diferentes proxeccións, poderemos lembrar tempos pasados pero inda cercanos. O grupo de teatro, o Show, o play-back... todos volverán ás nosas retinas e seguro nos traerán agradables recordos.

Tamén te invitamos a participar, e participar activamente, súmate ás nosas propostas activas nas que combinar vida saúdable, patrimonio e coñecemento da parroquia. A través da ruta de sendeirismo, da volta en bicicleta ou do maratón poderás manterte en forma e percorrer Pereiras con diferentes puntos de vista.

Polo noso escenario pasarán consolidados grupos de teatro, novos grupos de música tradicional, humoristas, bailaríns e moito máis, toda unha variedada oferta cultural que non debes perder.

Que ben sexa.

DEPORTISTAS Á MESA

Este sábado comezamos as actividades programadas dentro dunha nova edición de Terra de Cultura.

Pola tarde estaban previstos uns encontros de futbol sala entre solteiros, casadas, solteiras e casados, todos a unha, e pola noite tivo lugar unha cea de confraternización entre todos eles e algúns máis.

A preparación do menú comezou xa a media tarde para que todo estivese preparado para a hora prevista. Os comensais puideron tomar sustancia de polo asado e churrasco acompañado por ensalada e patacas, ademáis de roscón e café.

Finalmente unhas 70 persoas acudiron á cita gastronómico-social enchendo as mesas e cadeiras preparadas con esmero polos membros da directiva e algún voluntario.

Ao remate da cuchipanda fixéronse un par de sorteos de premios mediante os cales algúns dos comensais inda se foron con mellor sabor de boca.

Unha vez máis, bon appétit.

GO TO LONDON

A Asociación “Nosa Terra” está a rematar de perfilar unha próxima viaxe á cidade do Támesis, unha das máis cosmopolitas do mundo.

Botádelle un ollo ao cartel e informádevos se inda quedan prazas. Poderedes visitar emblemas de Londres como Buckingham palace, Westminster Abbey, Picadilly Circus, Trafalgar Square ou o máis famoso reloj no marques las horas, o Big Ben.

Xa en Londres poderedes escoller entre facer visitas guiadas ou ir por libre, tendo reservadas habitacións de 2 ou 4 persoas nunha hospedaxe co almorzo incluído.

A viaxe será en autobús dende Pereiras a Porto, con voo dende o aeroporto Sá Carneiro ata o londinense de Stansted ou Gatwick, e igualmente á inversa para a viaxe de volta, todo isto incluido.

Good trip. Have fun!

SOPRANOS E TENORES

O pasado sábado 12 de novembro o centro de Pereiras enchéuse de voces corais. Sopranos, mezzo-sopranos, contraltos, contra tenores, tenores, barítonos, baixos e baixas, altos e altas trouxeron música vocal de calidade ao noso centro social e cultural.

A coral polifónica Acordes de Bueu encargouse de abrir o acto, non antes da acertada presentación por parte do noso compañeiro Oscar Pérez que amosou as súas dotes ao micrófono.

A súa maior porcentaxe de voces feminina ofreceu a música máis aguda do día e tamén a máis intercultural con aclamadas versións da música popular centro e sud américana.

Despois poidemos gozar das pezas ofrecidas polos compoñentes da Coral do Centro Socio comunitario de Tui con predominio de populares pezas locais.

Pechou o acto a coral Nosa Terra, anfitrións do evento, e que elevou ao máximo os decibelios por tratarse, cos seus 38 compoñentes, da agrupación máis numerosa.

Os aplausos repartíronse por igual entre todos os intervintes, destacando a atención con que os membros de outros grupos seguían as actuacións dos seus colegas de ocioso gusto musical.

O apartado musical do día pechóuse dando as gracias pola participación por parte da Avv. Nosa Terra mediante a entrega dun agasallo conmemorativo aos representantes de cada coral.

Cumplindo cos preceptos das datas fíxose unha suculenta homenaxe a San Martiño, e todos e todas participantes e espectadores poideron saborear castañas asadas, por certo, de considerable tamaño.

Bon appétit e que a música non pare.