lunes, 4 de julio de 2011

UNHA NOVA XUNTANZA DE XENTE

Esta fin de semana tivo lugar a XXIX edición da Festa Popular. Socios/as e veciñas/os acudiron aos actos do sábado á noite e o domingo durante todo o día, botándose en falta algúns habituais que este ano por coincidencia de datas tiveron que acudir a outras Festas e Xuntanzas do concello.

O sábado comezamos co espectáculo de Play Back de Guizán que sorprendeu cos bailes e coreografías das súas mozas e mozos.
O monologuista Rodri de Pias trouxo a nota cómica con contos e chistes, algúns para todos os públicos e outros máis subidos de tono aproveitando as altas horas e gañándose a complicidade do público. Tamén gustaron as referencias máis locais á parroquia e ao concello.
Pechamos a noite con música, os veteranos compoñentes de Louro River Band, á luz do foco que máis iluminaba, puxeron a ilusión duns principiantes e a súa longa experiencia melódica para agradar coas súas cancións de estilos pop e rock.


O domingo arrincouno o grupo de baile local e despois dos obrigados cafés, tapas e vermouths, tivo lugar o xantar popular amenizado pola charanga Vai de Baile, que compensou o seu retraso na actuación coa intensidade da súa música.
Pola tarde gran asistencia de público para seguir o festival folclórico infantil, e despois nenos e maiores seguiron as historias da princesa Sabela que nos trouxo a compañía Tarabelos.
Por causa do aire o público tivo que andar máis activo que nunca, para poder ver no exterior o baile tradicional, no interior do Centro Cultural os títeres, e voltar -cadeira en man- ao exterior para seguir o espectáculo de evasións de Pajarito e o seu compañeiro Jan Pierre, recén chegado de Francia.


Esperamos que todos os asistentes pasaran uns bos momentos estes dous días e que dentro dun ano ninguén falte ao trixésimo aniversario da Xuntanza.

Gracias a todas e todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario