jueves, 12 de abril de 2012

PARTICIPA NA ASEMBLEA

ASAMBLEA XERAL ORDINARIA

De acordo cos artigos nº 24 e 25 dos Estatutos que regulan esta Asociación Veciñal e Cultural, a Xunta Directiva convoca a todos os socios a participar na Asamblea Xeral Ordinaria que terá lugar, no salón principal do Centro Social e Cultural “OS CASTROS”, o vindeiro domingo 22 de abril de 2012, ás 10:30 horas en 1ª convocatoria, e ás 11:00 horas en 2ª convocatoria; coa seguinte

ORDE DO DÍA

I. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
II. Memoria anual de actividades.
III. Informe de proxectos e obras realizadas.
IV. Balance económico, e aprobación, se procede.
V. Propostas da Xunta Directiva.
VI. Propostas entregadas polos socios.
VII. Renovación parcial da Xunta Directiva: Vicepresidenta/e (2 anos), Tesoureira/o ( 2 anos), e Vocais 2º, 4º, 6º, 8º, 10º (2 anos).
VIII. Rogos e preguntas.

 Esta Asamblea celebrarase en 1ª convocatoria de atoparse presentes a metade máis un dos socios, ou en 2ª convocatoria con calquera que sexa o número de asistentes (Art. nº28).
 Os socios/as poden presentar por escrito propostas para tratar no punto VI da orde do día, sempre que se entreguen á Xunta Directiva cun mínimo de 5 días antes da Asamblea (Art. nº30).
 Pódense presentar candidaturas para os cargos da Xunta Directiva a renovar, incluídos no punto VII, por parte dos socios/as cun mínimo de un ano de antigüidade e unha antelación de 10 días á Asamblea (Art. nº17 e 19).

A Asamblea Xeral de Asociados/as é o órgano de expresión de vontade da Asociación (art. 23), e os acordos adoptados nela obrigarán a todos os/as asociados/as, incluso aos/ás non asistentes (Art. nº30), polo que dende a Xunta Directiva solicitase a asistencia de todos os/as socios/as, exercendo o seu dereito de asistir e participar (Art. 9), dada a importancia dos temas a tratar, e co fin de chegar a acordos coa máxima participación e consenso.

Un cordial saúdo da Xunta Directiva.



PASO LIXEIRO

No mes de marzo organizouse un novo roteiro. Aproveitando que o pisuerga pasa por valladolid e o camiño de Santiago por Mos, propúxose realizar este camiño dende a súa entrada no noso concello nas Angustias ata a saída en Santiaguiño.


As consecuencias de progreso, non sempre executado da mellor maneira, fixo que as pisadas dos nosos antergos estean agora cubertas de asfalto, cousa que non agrada aos nosos máis adeptos camiñantes.


Máis a pesar disto, e comandados polos coñecedores da ruta, realizouse un agradable paseo que demostrou que os nosos veciños e veciñas manteñen boa forma, acadando o fin do percorrido nun tempo moito máis breve do esperado. Isto fixo que gran parte dos camiñantes se animasen a facer ademáis o camiño en sentido inverso para sorpresa e curiosidade dos veciños de Mos que observaban este inusual desprazamento cara o sur.


Próximamente máis desprazamentos. Por suposto, a pé.

NIN DARRIBA NIN DABAIXO, PEREIRAS DO OESTE

Pim, pam, pum tengo una pistola,
pim, pam, pum que dispara sola,
pim, pam, pum tengo yo un revolver,
pim, pam, pum que dispara doble!

... e os indios e as indias tiñan arcos, machetes, plumas e ata sospeitosos complementos.

Pereiras convertiuse por uns días de febreiro no Far West, lonxano oeste que dicimos por aquí, onde os poboadores oriundos e forasteiros conquistadores loitaban polas terras nunha imposible convivencia que sí conseguiron os nosos veciños e veciñas.

Ao ritmo de Daddy Yankee, Toby Love, Red Nex e o famoso cancan, a coreografía levaba a comanches, vaqueiras, cabareteiros, cactus e demais fauna cara un lado e cara outro para divertimento dos asistentes aos desfiles de Tomiño (venres), Mos (domingo) e O Porriño (sábado, martes, e inda houbo que ir chorar o mércores).


A nosa carroza dividía simétricamente unhas e outras terras incluindo un saloon, unha vivenda india e un cabalo que fixo as delicias dos máis pequenos deseosos de cabalgar e deseosos os pais de retratalos.





Ao final o sangue non chegou ao río, non houbo tiroteados nin aforcados, non se atrapou aos rexidores foraxidos buscados baixo gran recompensa, e os licores dispensados polos apostos cantineros non doblegaron a ninguén ... bailouse, cantouse, riuse...


o próximo ano novas máscaras, mesmas gomas.

UN PASEO POLO THAMES

O pasado mes de xaneiro unhas deceas de persoas acudiron á convocatoria da asociación Nosa Terra para pasar uns días na capital do imperio dos fillos da Gran Bretaña.


Londres acolleu aos nosos veciños e veciñas con menor inclemencia meteorolóxica da esperada e así fíxose máis levadeira a apretada axenda para poder visitar os máis insignes e carismáticos emplazamentos da cidade dos neboeiros.

Non faltaron os desplazamentos nos Routemasters, históricos autobuses de dous pisos que se manteñen en funcionamento para goze e disfrutes do turisteo. Outra atracción foron as vérmellas cabinas telefónicas, xa case pezas de museo, e incluso os máis desprendidos se animaron a consumir nos clasistas comercios de Harrods.


O percorrido continuou por mar e aire, cun minicruceiro polo Támesis e unhas cantas voltas na noria London Eye, sen que se tivese lamentado ningún mareo por mal de alturas ou aquafobia.


E despois duns cantos restaurantes, pubs, rutas en metro, e de retratarse cos máis sinalados edificios e monumentos houbo que volver ao país de orixe. Según nos contan foi bo, moi bo, pero curto ... e xa se sabe ... o bo se breve... dúas veces bo, así que...


Congratulations!

lunes, 9 de abril de 2012

MÁIS FORMACIÓN, MÁIS DIVERSIÓN

A Asociación Nosa Terra puxo a andar esta primavera un novo conxunto de cursos para ben formarse e mellor gozar.

Non deixes pasar a oportunidade e inscríbite no que máis che vaia a xeito. Temos cursos con prazas vacantes, outros agardando por solicitantes e novas edicións, e outros que están agardando a que ti os suxiras porque a nos ainda non se nos ocurriu.

Infórmate e participa.